Inés Pérez de Ceta
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XVI Vigo, España |
Morte | século XVI |
Inés Pérez de Ceta (escrito tamén Inés Pérez de Çeta ou Inés Pérez de Zeta), nada e finada probablemente no século XVI, foi unha nobre galega, fundadora en 1553 do convento da Nosa Señora dos Remedios, situado no actual barrio vigués do Areal. Cómpre non confundila coa súa neta, Inés Pérez de Ceta Gómez.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Casou con Fernando Fitao Aldao, do que quedou viúva en 1552. Daquela, como era habitual entre a alta nobreza, fundou un convento no Areal, nunha casa que era propiedade da familia. A comunidade inicial estaba formada por mulleres laicas da nobreza local entregadas á vida relixiosa en común: ela, as súas dúas fillas solteiras e mais outras señoras.[1]
A carta fundacional do convento detalla o papel de Inés Pérez de Ceta, normas da comunidade, recursos económicos e reserva o padroado para a Casa de Ceta.[2] A rápida constitución da comunidade demostra a súa influencia, que chega a Bouzas, onde funda a Confraría da Nosa Señora dos Remedios.[3]
En 1589 Francis Drake atacou Vigo e o convento quedou destruído e queimado. Volveuse edificar baixo o padroado dos descendentes da fundadora.[4] Nos séculos seguintes algunhas mulleres da Casa de Ceta asentadas en Bouzas ingresan no convento do Areal. Unha delas foi María Xosefa Teresa de Oia e Miranda (1777-1876) que se converte en abadesa. Por mor das desamortizacións de Mendizábal e Madoz, en 1846 a familia reclamou a propiedade e a comunidade de relixiosas instalouse no convento de franciscanas de Tui.
Liñaxe
[editar | editar a fonte]O seu pai era Rodrigo Pérez de Ceta, a súa nai chamábase Basquida García e o herdeiro da liñaxe foi o seu irmán Esteban. Os seus avós paternos foron Esteban de Ceta, señor da Casa Torre de Baiona, e María Varela de Aldao.[5] Por esta vía descende de Pedro Yáñez de Ceta e Teodosia Silva de Romai. A Casa de Ceta tiña o privilexio de outorgar indulto a un reo, privilexio que lle fora concedido polos Reis Católicos.[1]
Posuían propiedades en Baiona, Coia, Bouzas e o Berbés (Vigo), onde se conserva a Casa Torre de Ceta.
Polémica pola súa incorporación ao rueiro de Vigo
[editar | editar a fonte]Desde 1997 ten rúa en Vigo, na antes chamada rúa Hospital.
A decisión resultou polémica, aínda anos despois, naqueles momentos no que se abría o debate sobre a necesidade de engadir nomes de mulleres ao nomenclátor da cidade. As posicións contrarias retrucaron afirmando que carecía de méritos xa que, como a Condesa Casa Bárcena e María Berdiales, só se xustificaba por ter sido propietaria do terreo e, mesmo se chegou a afirmar, de maneira errada, que non era máis que unha benfeitora, que cedía os terreos á cidade a cambio do recoñecemento.[6][7]
O certo é que a zona onde estaba o convento, por costume, deuse en chamar Areal das Monxas ou Areal do Convento ata que no século XIX o edificio se transforma en Hospital Militar, dando nome á rúa Hospital. En 1879 sufriu un incendio e situouse por pouco tempo un comercio. En 1926 demoléronse as derradeiras trazas do edificio conventual.[8][9] A polémica abundou na falta de méritos da figura histórica, porén, non sen retranca, outras fontes sinalan que o cambio do nome da rúa veu motivado por razóns inmobiliarias, xa que a denominación como rúa Hospital parecía pouco comercial.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Concello de Vigo, 2008, p. 6.
- ↑ Coméntase e reprodúcese parcialmente en Otero Piñeiro, 2009.
- ↑ "Cofradías". Vila de Bouzas (en castelán). Consultado o 2018-10-12.
- ↑ PARES, [s.d.].
- ↑ Muñoz Altea 1987, p. 333.
- ↑ Carbajo, Primitivo (2008-06-02). "Nombres de mujer para calles de Vigo". El País (en castelán). Consultado o 31-8-2018.
- ↑ Baena, Ana (14/01/2018). "El Vigo de los nombres de varón". Atlántico (en castelán). Consultado o 31-8-2018.
- ↑ Mosquera, Javier (2011-10-29). "De calle del convento, a Areal". Faro de Vigo. Consultado o 2018-09-01.
- ↑ González Martín, Gerardo (2007-11-11). "El Areal, a finales del siglo XIX". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2018-09-01.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Concello de Vigo-Concellería da Muller (2008). Con nome de muller: unidade didáctica. Vigo, Concello de Vigo.
- Costa Rico, Antón (2004). Historia da educación e da cultura en Galicia. Xerais. ISBN 84-9782-220-X.
- Flórez, Henrique; et al. (1754). España sagrada. Theatro geographico-historico de la iglesia de España (en castelán). XXIII. Madrid. p. 199.
- Marco, Aurora (2007). Dicionario de Mulleres Galegas. Edicións A Nosa Terra. p. 341. ISBN 978-84-8341-146-9.
- Muñoz Altea, Fernando (1987). Joaquín Porrúa, ed. Blasones y apellidos (en castelán). México.
- Otero Piñeiro, Gabriel (2009). "Las comunidades regulares femeninas de la diócesis de Tui. Fundación y constituciones". Galicia monástica. USC. pp. 209–226. ISBN 978-84-9887-023-7.
- Santiago y Gómez, José de (1896). Historia de Vigo y su comarca (en castelán). Madrid: Imprenta y Litografía del Asilo de Huérfanos. p. 267-268.
- Taboada Leal, Nicolás (1840). Descripción topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores (en castelán). Santiago: Imprenta de la Viuda e Hijos de Compañel. pp. 178–179.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Familias antigas de Bouzas: Os Ceta". Vila de Bouzas. Consultado o 31-8-2018.
- "Convento da Nosa Señora dos Remedios de Vigo (Pontevedra, España)", PARES-Portal de Archivos Españoles. Consultado o 31/8/2018.